miércoles, 12 de diciembre de 2012

RECITADO DE CELSO EMILIO





Deitado frente ao mar


Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sal de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
a ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
Berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
Deitada rente ao mar, ise camiño…




1 comentario:

  1. Foi unha actividade moi gratificante, non si? Unha aperta e prepárate para mañá.

    ResponderEliminar